O CONFLICTO PRISCILIANISTA.

O grande problema xurdido en torno a Prisciliano e ós seus correlixionarios foi posiblemente o que máis preocupación causou a Martiño, sobre todo porque, segundo penso, nunca estivo convencido _nin tan sequera o estou eu agora_ de que fosen intencionadamente herexes.
Xa na Crónica expresei a miña opinión ó respecto 1, pero, aínda que non hai moito tempo que a escribín, as miñas ideas evolucionaron algo dende entón, ademais de contar con máis datos sobre o conflicto; por iso quero falar de novo sobre este tema e facer un relato algo máis completo de todo o que entón aconteceu.
En principio os priscilianistas eran cidadáns normais inmersos no ambiente ascético que levou a moitos de nós a procurar un estado de perfección. O propio Paulino, ou mesmo eu, sempre de boa fe, poderiamos formar parte desta secta, por chamala dalgún xeito. Ámbolos dous deixámo-los nosos bens e a nosa vida laica para buscar con máis liberdade o camiño da salvación. Ata Martiño foi acusado de priscilianista, feito que non implica que o fose pero que vén amosar que tampouco era alleo a tódalas súas formulacións. As actas do concilio de Zaragoza 2 ó que asistiron bispos aquitanos, non condenaron a herexía.
Prisciliano procedía dunha familia ilustre, era un home moi rico, sagaz, inquedo, cunha grande facilidade de palabra, culto e moi erudito, dotado para o diálogo; puido ser un home feliz _ ¿foino?_ de no ser porque rebaixou a súa intelixencia e a entregou a intereses desprezables. Estaba dotado de grandes cualidades corporais. Soportaba durante longo tempo a falta de sono, a fame e a sede, e non cobizaba os bens materiais. Dise tamén que na súa mocidade practicou a maxia pero eu non o corroboraría agora, a pesar de que antes o afirmei na miña Crónica . Atraeu a unha grande cantidade de mulleres, por unha banda porque defendía para elas o dereito de desempeñar labores relixiosos, e por outra porque elas, desexosas de novidades e indecisas na súa fe, acudían xunto a el que, ó amosarse humilde no aspecto e presencia, conseguira o respecto e a admiración de todos 3.
Formou en Mérida un grupo de ascetas que se xuntaban en grupos pechados para se dedicar á lectura dos libros sagrados. Resumindo nunha palabra o voto que posiblemente non formularon, entregábanse ou convertíanse por completo a Deus, renunciaban a toda actividade secular, sometíanse ó celibato ou á continencia se estaban casados4, non contentos con esta austeridade, desprendíanse dos seus bens e dábanos como esmola. Vivían despois na pobreza voluntaria 5. Logo de vivir moitos anos nunha estreita relación de corpo e espírito, tiñan o sentimento de seren un único corpo. Cando os acusaron _por mor do carácter un pouco misterioso das súas reunións_ de cultivar dogmas secretos, defendéronse da acusación de herexes proclamándose totalmente solidarios. Presentaron a súa defensa en común en memorias colectivas, e concretamente na Profesión de fe ou Apoloxía.
Aínda que eu sempre intentei nos meus escritos despraza-lo problema o máis posible cara a Hispania, o certo é que houbo sectas deste tipo en moitos lugares de Aquitania, como Euze en Burdeos. O seu xefe era Attius Tiro Delphinius, fillo do grande rétor Attius Patera. Vivira en España e fora mestre de Prisciliano. Pódese dicir que foi el en realidade o auténtico fundador da secta. Filastro de Brescia, no seu libro Sobre as diversas herexías, fala xa dunha secta en formación en Hispania, a Galia e Aquitania. Os seus membros, ós que chama "abstinentes", seguen ideas perniciosas dos gnósticos e maniqueos, pretenden acabar cos matrimonios e aconsellan a abstinencia de alimentos 6.
¿Que pretendían? O obxectivo da secta, en palabras do propio Prisciliano: "Tendemos á consecución da santidade, a ser dignos do goberno das almas, a edifica-lo corpo de Cristo"7. Se só era isto ¿que mal podían facer? ¿Non saíran do mosteiro de Martiño varios bispos e multitude de sacerdotes?
Moitos partidarios da secta chegaron a ser bispos, como Salviano e Instancio 8. O propio Prisciliano foi bispo de Ávila.
Acusados de herexía, xulgóuselles moi severamente en Tréveris 9, onde acudiron moitos bispos españois e galos. Só foron acusadas cinco persoas, ademais de Prisciliano: a viúva de Delphidius, Eucrotia, o poeta Latronio, que era aquitano, dous clérigos recentemente recrutados, chamados Armenius e Felicissimus, e Instancio. Foron os acusadores os bispos Hydacio e Itacio os que eu non reprendería polo seu afán de desterra-los herexes, se non fose porque, levados polo desexo de vencer, loitaron máis alá do que era conveniente; dende logo estou en desacordo tanto cos reos coma cos acusadores; declaro que Itacio nada tiña de serio nin de responsable: era audaz, charlatán, desvergonzado, ostentoso, demasiado entregado ó ventre e á gula. Chegara a tal extremo de estupidez que acusaba de seren camaradas ou discípulos de Prisciliano tódolos santos varóns que se dedicasen á lectura ou se marcasen o ascetismo como obxectivo. Mesmo tivo o desgraciado o atrevemento de acusar abertamente do crime de herexía o bispo Martiño, home digno de ser comparado en todo ós Apóstolos; pois entón Martiño, que pasaba uns días en Tréveris, non deixaba de insistir ante Itacio para que desistise na acusación, de pedir a Máximo que se abstivese de decreta-la morte daqueles malpocados; dicía que chegaba abondo con que os herexes, xulgados segundo as normas dos bispos, fosen expulsados das súas igrexas, pois era crime novo e inaudito que un xuíz segrar xulgase un asunto da Igrexa. Finalmente, mentres Martiño permanecía en Tréveris, aprazouse a vista, e despois, cando xa se dispoñía a marchar, co seu grande prestixio obtivo de Máximo a promesa de que non tomaría ningunha medida sanguenta contra os reos. Pero o emperador, pervertido polos bispos Magno e Rufo, arredouse da súa actitude benigna e confiou o proceso ó prefecto Evodio, home enérxico e severo, quen, despois de escoitar a Prisciliano por dúas veces no xuízo e declaralo convicto de maleficio, como non negou a súa entrega a doutrinas obscenas, nin a celebración de xuntanzas con mulleres de dubidosa moralidade nin o seu costume de orar espido, declarouno culpable e pechouno ata informa-lo emperador. Cando en palacio se tivo coñecemento do sucedido, o emperador decidiu que conviña condenar a Prisciliano e os seus compañeiros 10. Todos foron sentenciados a morte agás Instancio que foi desterrado.
O emperador Máximo, certamente bo noutros aspectos, corrompido polas decisións dos sacerdotes, despois da morte de Prisciliano protexía coa súa rexia potestade o bispo Idacio, acusador deste Prisciliano, e a outros compañeiros seus _non é necesario da-los seus nomes_ para non dar pé a que ninguén o acusase de que aquel home fora condenado de calquera xeito. Namentres Martiño, obrigado a ir á corte polas moitas e moi graves causas dos que estaban en problemas, viuse mergullado no furacán de toda aquela tempestade. Os bispos estaban reunidos en Tréveris. Ó comunicárense tódolos días con Hydacio fixeran causa común con el. Cando se lles anunciou que Martiño se presentara alí, cousa que non esperaban, decaeu o seu ánimo e comenzaron a murmurar e a tremer. E xa o día anterior o emperador, consonte ó seu consello, decidira enviar a España con sumos poderes os tribunos armados para que buscasen os herexes e, unha vez capturados, lles quitasen a vida e a facenda. E non hai dúbida de que esta circunstancia puido levar por diante un grande número de homes santos, sen facer distinción entre as persoas, pois daquela xulgábase só cos ollos, de xeito que alguén podía parecer herético máis pola súa vestidura ou palidez que pola súa fe. Os bispos comprendían que estas decisións non podían de ningún modo agradar a Martiño. Pola súa mala conciencia tiñan a molestísima preocupación de que, se viña, se abstería de estar con eles, xa que non habería de faltar quen seguise a constancia dun home tan importante, anteposta á súa autoridade. Xuntamente co emperador tomaron a decisión de enviar oficiais ó seu encontro para prohibirlle que se aproximase á cidade, a non ser que declarase que ía estar de acordo coa paz dos bispos que estaban nela. Enganounos con astucia ó manifestar que iría na paz de Cristo. Finalmente entrou na cidade de noite e marchou á igrexa a orar. Ó día seguinte dirixiuse ó palacio. Ademais doutras moitas peticións, que sería longo enumerar, tiña principalmente as seguintes: polo conde Marses e o presidente Leocadio, que foran partidarios de Graciano e gañaran a ira do vencedor polos seus pertinaces afáns, que non é momento de explicar aquí. A súa principal preocupación era que non fosen enviados ás Hispanias tribunos con poder sobre as vidas: tiña Martiño a piadosa preocupación de librar non só os cristiáns, que ían ser vexados naquela ocasión, senón tamén os propios herexes. Pero os dous primeiros días o astuto emperador mantén o noso home entretido, ben para lle impoñe-la responsabilidade do asunto, ben porque era demasiado implacable consigo mesmo, ben porque, como a maioría pensaba entón, se resistía por avaricia: de certo envexara os bens destes. Dise que aquel home, adornado por moitas boas cualidades, tomou poucas decisións contra a avaricia, a non ser cando, esgotadas polos príncipes anteriores as arcas do erario público, envolto sempre en campañas e nas operacións militares das guerras civís, se escusaba con facilidade de aportar subsidios para o poder nalgunhas ocasións polas necesidades do estado.
Mentres, os bispos, cos que Martiño estaba en desacordo, acoden temerosos ante o rei e quéixanse de estaren condenados de antemán: dicían que se tomara unha decisión sobre a totalidade do asunto, se a autoridade de Martiño se xuntaba á pertinacia de Teógnito, que era o único que os condenara en público; que non fora oportuno recibir dentro dos muros o noso home, que el xa non era o defensor dos herexes senón o seu avogado; que nada se lograra coa morte de Prisciliano se Martiño actuaba coma o seu vingador. Finalmente, prostrados entre bágoas e lamentos, imploran da rexia potestade que use a forza só contra este home. E non faltaba moito para que o emperador se vise na obriga de xunta-la sorte de Martiño á dos herexes. Pero el, aínda que obrigado cos bispos por moitos favores, non descoñecía que Martiño superaba a tódolos mortais en fe, santidade e virtude, e decide vence-lo Santo por outro camiño diferente. En primeiro lugar, chámao á parte en segredo e apela a el con delicadeza: que os herexes foron condenados máis por segui-lo costume dos xuízos públicos que pola incitación dos sacerdotes; que non había razón ningunha para que pensase que se debía condena-lo feito de estar de acordo coas ideas de Idacio e os outros membros da súa secta; que Teógnito fixera a súa escisión máis por xenreira que por calquera outra causa; que, sen embargo, era o único que se separara da unión común nese espacio de tempo, que non había novidades por parte dos demais; que mesmo o sínodo celebrado poucos días antes proclamara que Idacio non era culpable. Como non lograse conmover a Martiño con estes argumentos, o rei encolerizouse e afastouse da súa presencia e pouco despois foron enviados executores contra aqueles polos que Martiño intercedera.
Cando Martiño coñeceu isto xa era de noite. Diríxese a palacio e promete que permanecerá en comuñón se o respectan con tal que se faga volve-los tribunos enviados xa ás Hispanias para aniquila-las igrexas. E sen tardanza Máximo accede a todo. Para o día seguinte preparábase a consagración do bispo Fiz, home en verdade moi santo e merecedor de ser sacerdote noutras circunstancias. Martiño iniciou a comuñón deste día estimando máis conveniente ceder naquel momento que non preocupar­se pola vida daqueles os que ameazaba a espada. Sen embargo, aínda que foi violenta a forza coa que insistiron os bispos, non puido ser obrigado a autenticar coa súa sinatura a comuñón.
Ó día seguinte marcha de alí; volvía triste e lamentábase polo camiño por participar, aínda que fose por pouco tempo, naquela indigna comuñón. Quedou un pouco retrasado dos seus compañeiros e detívose non lonxe dunha aldea chamada Andethanna, onde os lugares recónditos do bosque se atopan totalmente solitarios, e daba voltas no seu pensamento a causa da dor, mentres se acusaba e exculpaba ó mesmo tempo do sucedido. De súpeto presentóuselle un anxo que lle dixo: "Con razón, Martiño, estás compunxido; pero non puideches rematar doutro modo; dispón de novo a túa virtude, toma outra vez a túa constancia, non xa para non pór en perigo a túa gloria senón a túa salvación". Así pois, dende esta época gardouse ben de xuntarse con aquela comuñón dos partidarios de Idacio. Polo demais, como curase algúns dos endiañados con máis lentitude e menos gracia do que adoitaba, confesábanos entre bágoas que experimentara unha diminución da súa virtude por mor daquela comuñón na que se unira, aínda que por un tempo moi curto, por necesidade, non por convicción. Durante os dezaseis anos que viviu despois daquel incidente non acudiu a sínodo ningún, mantívose afastado de tódalas xuntanzas de bispos 11.
Con respecto ó final da secta priscilianista, coido que non foi abondo corta-la súa aparente cabeza para acabar cun fenómeno tan arraigado. A suposta herexía non só non desapareceu senón que se propagou aínda máis. Os corpos dos axusticiados foron conservados, e uns tres anos máis tarde foron transportados a Hispania, posiblemente á Gallaecia, con tódolos honores, onde foron recibidos coma mártires e se lles dedicaron solemnes exequias. Baste engadir que era mostra de grande relixiosidade xurar por Prisciliano 12.
O episcopado galego case ó completo, polo menos dez bispos, inscribiron os nomes destes mártires no sacramentario das súas igrexas 13.

NOTAS:

   1 .- Efectivamente, o problema priscilianista é a fin da Crónica .
   2.- Celebrado o 4 de outubro do ano 380.
   3.- Resulta claro o paralelismo desta descrición de Prisciliano coa que de Catilina fai Salustio (De coniuratione Catilinae , 5). J. Fontaine estudiouno no seu artigo L` affaire priscillianiste ou l` ere des nouveaux Catilines. Observations sur le sallustianisme de Sulpice Sévère , en Festchift in honor J.Manrique, 1.975. pp. 355 - 392.
    4.- Ver PRISCILIANO. TR. I. p. 4. 8.
    5.- Ver PRISCILIANO, 5, 1.
    6.- Ver Diuersarum haereseon liber, edición de Marx, p. 45, onde di: "Alii sunt in Gallis et in Hispanis et Aquitania veluti abstinentes, qui et Gnosticorum et Manicheorum particulam perniciosissimam aeque secuntur, eademque non dubitant praedicare, separantes persuasionibus coniugia hominum, et escarum abstinentiam promittentes."
    7.- Ver PRISCILIANO. p 17. 19, que fai súas as palabras de san Paulo na Epístola ós Efesios , 4,12.
    8.- Ano 380.
    9.- Ano 385.
   10 .- Ver Crónica , Cap. L
   11 .- Se estes feitos suceden no ano 386, habería que situa-la morte de Martiño dezaseis anos despois, é dicir, no ano 402, o que non é correcto xa que está probado que morreu no ano 397. Polo tanto debemos pensar que Sulpicio se equivoca nos seus cálculos, ou que, como opina Fontaine, se produciu un erro de transmisión do numeral latino sedecim.
    12.- A herexía priscilianista seguiu viva en Galicia ata o punto de que o Concilio I de Braga, celebrado en maio do ano 561, se viu na necesidade de condena-la nos seus coñecidos dezasete capítulos que rematan "...como dixo Prisciliano, sexa anatema" (Ver URSICINO DOMINGUEZ: Martín de Braga. Obras completas . Madrid, 1.990. páxs. 99 - 100.)
    13.- Para o estudio do Priscilianismo hai un libro fundamental: Priscilien et le Priscilianisme , de E. BABUT. París 1.909, aínda que existen traballos recentes máis documentados e fidedignos. (Ver bibliografía).

<<Indice del libro
Página de inicio>>